O BNG pide cambiar a lei ante as reclamacións de Facenda a afectad@s pola dación de pago

O deputado Francisco Jorquera preguntou que vai pasar agora coas persoas ás que Facenda lles reclama ata 10.000 euros e que superan ás 700 en Galiza

Jorquera en  comisión

O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera formulou hoxe unha pregunta na comisión de Economía e Facenda sobre a situación xerada pola Axencia Tributaria coas reclamacións “desorbitadas” pola dación de pago e pediu un cambio da lei para regularizar esta opción sen gravar aínda máis as persoas afectadas.

Jorquera explicou que segundo o Consello do Poder Xudicial ao longo do ano 2013 foron 2.404 os desafiuzamentos que se produciron en Galiza dos que o 25,3 % derivaron de execucións hipotecarias.A esta situación, sumase agora as reclamacións de Facenda ás persoas que se acolleron a dación de pago.

O deputado lembrou que o BNG é partidario de xeneralizar esta opción en todos aqueles casos nos que non se poda facer fronte á hipoteca pero criticou que a lei só contemple un reducido número de casos que se poden acoller a esta posibilidade.

O BNG, remarcou, considera que deben ser contempladas outras opción como: unha moratoria no pago dos prazos pactados, transformar a hipoteca nun contrato de arrendamento con opción a compra ou a condonación “parcial” da débeda.

Os/as afectados/as pola dación de pago deben facer agora fronte ás cantidades reclamadas pola Axencia Tributaria, cifras que poden mesmo chegar a 10.000 euros por entender Facenda que a dación de pago supuxo “unha ganancia patrimonial”.

A dación de pago, explicou, conleva a perda de vivenda e as persoas que se ven obrigadas a escoller esta opción están nunha situación desesperada. Cómo van facer fronte agora as reclamacións de Facenda? Cómo van poder refacer a súa vida? preguntou o nacionalista.

Facenda reduce a uns poucos casos as persoas afectadas

Pola súa parte, o director da Axencia Tributaria, Luís Villanueva asegurou “que son casos illados” e a Xunta vai trasladar a súa preocupación á Axencia estatal para estudar a situación destas familias.

Francisco Jorquera asegurou que estamos ante un “grave problema” que afecta a máis de 700 persoas en Galiza e non a un “reducido número de casos” como afirmou o titular de Facenda polo que pediu un “cambio na lei” ao igual que se fixo na reforma express da Constitución sobre o déficit ou a lei Orgánica relativa á abdicación do Rei.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG