O BNG pide ao PP "non tocar" as Cooperativas de Crédito e Caixas Rurais en Galiza

Jorquera na Comisión de Economía

Francisco Jorquera lamentou que o PP anunciara o seu voto desfavorábel á iniciativa nacionalista, a pesar de existir comunidades gobernadas polo Partido popular que aprobaron acordos nesta dirección

Jorquera na defensa da PNL

O deputado do BNG, Francisco Jorquera defendeu hoxe unha Proposición non de lei na Comisión de Economía destinada a manter as Cooperativas de Crédito e Caixas Rurais.

Pola súa parte, o Partido popular anunciou o seu voto contrario á iniciativa nacionalista por ser aínda un “deseño pendente sen ultimar ” e manifestando que as caixas rurais poden sortear a normativa autonómica abrindo novas oficinas fora de Galiza.

Tras a resposta da portavoz popular, María Herminia Pouso, o nacionalista afirmou que o Goberno galego funciona como “unha xestoría” do Goberno central en Galiza, “ A Xunta non exerce o autogoberno” e mentres tanto debemos agardar o que decide facer Madrid.

Na defensa da proposta do BNG, o parlamentario sinalou que no Estado español existen 63 entidades de Crédito Cooperativo, 59 delas caixas rurais que representan o 5% dos activos do sector financeiro.

Lembrou que dos tres modelos que existían, Banca, Caixas de Aforro e Cooperativas de Crédito, ás cooperativas foron ás “únicas entidades” que non precisaron axudas públicas durante a crise económica. Agora, “o seu futuro está en perigo” segundo anunciou o Ministro de Guindos o pasado 13 de xaneiro por mor dunha actualización do réxime xurídico.

O PP, experto en eufemismos para seguir disfrazando a realidade

O portavoz do grupo parlamentario tamén criticou que o Partido popular se ampare en continuos “eufemismos” para disfrazar a realidade social e económica entre os que destacou: a mobilidade laboral exterior para referirse á emigración, blindar ás políticas sociais cando sos recortes e privatizacións e medidas flexíbeis no mercado laboral en troques de “sobreexplotación dos traballadores”.Noticia

Jorquera foi máis alá e asegurou que agora a nova perola do PP e que non existe a bancarización das únicas entidades de carácter social e cooperativo, estamos, ironizou, ante “unha atualización do réxime xurídico das cooperativas de crédito”.

O parlamentario afirmou que esta actualización responde á intención do Partido popular de forzar a concentración e bancarización porque o Goberno español “é insaciábel” para consolidar o “oligopolio financeiro”, comezando polas caixas de aforro territoriais.

As comarcas rurais galegas  afectadas polo futuro deseño

Con esta nova medida, dixo, o Partido popular vai excluír a amplos sectores da sociedade do acceso a servizos financeiros básicos, ou pensan, preguntou que os habitantes das comarcas rurais de Galiza non van saír prexudicados?.

Non se contentan con ter impulsado unha concentración brutal no sector senón que agora tamén lles sobran as cooperativas de crédito, non vaia ser que unha cidadanía cada vez máis indignada cos bancos acudan ás cooperativas de crédito.

A medida do Partido popular afecta á Caixa Rural galega, unha entidade con 46 oficinais, 134 traballadores/as e uns activos de 665,2 millóns de euros, ademais de varias cooperativas agrarias, de consumidores e usuarios que contan con sección de crédito para os seus socios.

O BNG esixe unha Resolución parlamentaria para defender a continuidade das Caixas Rurais en Galiza

Jorquera remarcou que en Estremadura, comunidade gobernada polo PP foi aprobada unha proposta para impedir que “intereses alleos podan facer desaparecer as caixas rurais ou condicionar ás entidades”, qué pensan facer vostedes en Galiza?. Dende o BNG propoñemos que o Parlamento galego acorde unha Resolución opoñéndose á modificación do réxime xurídico das cooperativas de crédito e instar á Xunta de Galiza a adoptar todas as medidas necesarias para defender a continuidade das cooperativas e caixas rurais existentes en Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG