Davila pide a comparecencia de Montoro para suspender a aplicación da Reforma Local

CONGRESOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou a comparecencia do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, para que explique se vai anular a aplicación da Reforma Local até que o Tribunal Constitucional resolva os numerosos recursos presentados contra a norma, dado que o Consello de Estado cuestiona a constitucionalidade da lei en diversos artigos nun segundo dictame.

Davila subliña que a Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local aprobado polo Goberno o pasado mes de xaneiro, recibiu un novo varapao, esta vez por parte do Consello de Estado. Lembra que o Tribunal Constitucional xa admitiu nove recursos presentados por Gobernos autonómicos, por parlamentos autonómicos e por 130 deputados do Congreso, entre eles as deputadas do BNG.

Unha lei fortemente cuestionada por todos

A lei, sinala a deputada nacionalista, tamén foi recorrida ao Constitucional por 2.000 municipios, e precisamente a raiz deste último recurso o Consello de Estado emitiu un segundo dictame sobre a lei que pón en cuestión a súa constitucionalidade.

Davila considera que “á luz deste dictame, o Goberno debería proceder a suspender a aplicación da norma mentras o Tribunal Constitucional non resolva os diferentes recursos. Por iso, dirixe unha batería de preguntas ao Ministerio para coñecer a avaliación que realiza en relación ao segundo dictame do Consello de Estado sobre a Reforma Local.

“Dada a natureza controvertida da lei, unanimemente criticada e cuestionada polas corporacións locais de todas as cores, non considera que se debería dar marcha atrás na aplicación da norma? Non se debería suspender a aplicación desta lei até que o Tribunal Constitucional resolva os recursos? Non cre que é realmente o que toca facer?”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG