O líder campesiño e altermundista José Bové, en Galiza o 1º de Maio para apoiar a Ana Miranda

BOVE MIRANDA ACTO REIVINDICATIVO PACO líder agrarista e histórico activista francés José Bové estará este 1º de Maio en Galiza a onde se despraza para amosar o seu apoio á candidata ás europeas do BNG, Ana Miranda, con quen compartiu grupo Parlamentario na Eurocámara, -Grupo Verdes/ALE-, na presente lexislatura.

Candidato do Grupo Verdes/ALE á presidencia da Comisión Europea, en competencia con Jean-Claude Junker, Martin Schulz ou Alexis Tsipras, Bové participará na manifestación do 1º de Maio en Vigo con Ana Miranda, o portavoz nacional, Xavier Vence, e unha ampla representación do BNG, nunha xornada de apoio á candidata nacionalista, que incluirá unha comparecencia ante os medios de comunicación e, xa en Santiago de Compostela, un acto con agricultores, gandeiros e ecoloxistas.

Labrego, símbolo da loita contra a globalización e as multinacionais da alimentación, como eurodeputado nesta Lexislatura exerceu como portavoz na defensa da proposta do Grupo Verdes/ALE para unha Política Agraria Común (PAC) pensada “para os que viven traballando a terra e non para os rendistas da terra”, en coincidencia coas propostas formuladas polo BNG a través de Ana Miranda.

Entre as iniciativas defendidas por ambos, vincular as axudas da PAC á produción e non ao número de hectáreas das explotacións para apoiar aos pequenos e medianos produtores en contra dun sistema que prima aos grandes terratenentes e aos consorcios económicos do “agronegocio”.

Neste mesmo sentido, as propostas destinadas a garantir uns prezos mínimos aos produtores, rendas xustas, a continuidade do sistema de cotas leiteiras, ou as axudas para fomentar a incorporación de xente nova ao rural.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG