BNG rexistra novas iniciativas en Madrid para “rematar coa estafa da AP-9” despois das últimas informacións publicadas

Néstor Rego
Néstor Rego

Após a notoriedade do contido da carta do Comisario Europeo de Mercado Interior ao Goberno do Estado, Néstor Rego reclama información transparente dun tema fundamental para a Galiza

Anular a concesión da AP-9, suprimir as peaxes e impulsar a transferencia á Galiza: medidas aprobadas pola maioría absoluta do Congreso por proposta do BNG que agora exixe ao Goberno “cumprir co acordado por obriga moral e política”

A frente nacionalista urxe o Goberno a encargar o estudo que permita coñecer o custo real e as vía legais adecuadas para pór fin á concesión e asumir a xestión pública

Despois de coñecer a solicitude de aprazamento presentada polo Goberno do Estado ante a Comisión Europea para formular alegacións ao segundo expediente aberto polo organismo europeo, a frente nacionalista exixe explicacións ao Ministerio. Quere coñecer, ademais das razóns que motivaron ao executivo a presentar esta solicitude de aprazamento, cales serás as alegación que presentarán.

Esta decisión do Goberno do Estado, segundo a organización nacionalista “é errónea” porque despois da notoriedade da posición do Comisario de Mercado Interior como consecuencia das recentes informacións publicadas en medios de comunicación, o executivo debería “aproveitar a ocasión e mudar a posición” que mantén sobre esta cuestión. “Debe aproveitar a oportunidade brindada pola apertura do expediente de infracción -o segundo xa- para declarar a nulidade da prórroga por non axustarse a dereito” enfatiza Néstor Rego. De feito, lembra que no seo da Unión Europea xa existen precedentes de casos semellantes que foron resoltos anulando a concesión.

Sobre as informacións publicadas en medios de comunicación, o deputado do BNG reclama coñecer o contido íntegro da carta enviada polo Comisario de Mercado Interior ao Goberno do Estado. En dita carta, o Comisario advertía que o Goberno do PP de Aznar xa planeaba en 1999 a privatización da AP-9 e que a prórroga se utilizou como un mecanismo para aumentar o seu valor no mercado: “é dicir, sabía que ía privatizala antes da data en que se formalizou a extensión da concesión” aclara Rego.

Cumprir o mandato popular: na defensa da Galiza e os seus intereses

Paralelamente, a organización nacionalista retoma a súa ofensiva institucional, despois de ter conseguido o apoio da cámara baixar para reclamar ao Goberno anular a concesión da AP-9, suprimir as peaxes e impulsar a transferencia á Galiza.

Para o deputado do BNG, o Goberno do Estado, e concretamente o Ministerio de Transportes, deben actuar decididamente para, tal e como vén reclamando o BNG e o conxunto da sociedade galega, pór fin á estafa legalizada que supuxo a prórroga da concesión da AP-9. “Aínda que non está obrigados por lei, é unha obriga moral e política cumprir o contido da moción presentada polo BNG e apoiada maioritariamente polo Congreso” subliña.

Entre os puntos aprobados, o executivo -lembra o deputado nacionalista- debe iniciar os trámites para encargar o estudo que permita coñecer o custo real e as vía legais adecuadas para pór fin á concesión e asumir a xestión pública da autoestrada, eliminando por fin as portaxes.

 

--
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG