Encontro Nacional: Cos pés na Terra e o corazón á esquerda, Galiza está, se está o BNG!

ENCONTRO NACIONAL BNG 2 (27 ABRIL 2014) A cabeza de lista ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, proclamou, no Encontro Nacional Aberto que abarrotou o Auditorio de Galiza en Santiago que o BNG “é o equipo da casa”. “O BNG non precisa chamar nin a Rajoy, nin a Rubalcaba, nin a Cayo Lara. A única chamada que atende o BNG é a do pobo galego”, subliñou a candidata nacionalista, fronta “aos partidos estatais, que hoxe defenden a Galiza, mañá a Murcia e pasado a Andalucía. Nós non, o BNG só defende a Galiza. Levámolo facendo no Parlamento Europeo dende 1999”, dixo.

“Nós non nos debemos a ninguén”, insistiu a candidata do Bloque, fronte a outras candidaturas que “dependen de Madrid e só cubren cotas do que chaman candidaturas regionales”. Miranda puxo o acento na  folla de servizos das forzas políticas estatais “que tantas veces deixaron tirada a Galiza no Parlamento Europeo”.ENCONTRO NACIONAL BNG 3 (27 ABRIL 2014)

“Son as mesmas que deixaron ao Porto de Vigo fóra da primeira categoría das infraestruturas europeas, as mesmas que aproban un acordo pesqueiro que deixa en terra á frota cefalopodeira galega mentres a andaluza sae a faenar, as mesmas que penalizan a Galiza con 3.000 millóns de euros menos en fondos de cohesión, as mesmas que fan perder ao agro galego 300 millóns de euros e priman á agricultura dos latifundios no reparto das axudas da PAC, as mesmas maiorías estables que non foron capaces de buscar unha solución ao tax-lease e tiveron ao sector naval paralizado durante dous anos cun custe de 10.000 empregos”, exemplificou.

“O BNG é a Galiza rebelde. O BNG é pobo”

En contraposición, proclamou Miranda,  un Bloque Nacionalista Galego que ten “os pés na terra e o corazón na esquerda, porque ninguén pode darlle leccións de esquerda ao BNG”, dixo, ao tempo que salientou que o 25 de maio “é a oportunidade de dicir non ás políticas de recortes da troika e do PP que causan pobreza, desigualdade e sufrimento”. “O BNG é a Galiza rebelde, a Galiza rabuda, o BNG é pobo”, destacou. “Esa Europa que rescata bancos e que deixa tiradas ás persoas, antisocial e antidemocrática, á a antítese do BNG”, reafirmou.

“Dixeron que eramos minorías”, rebateu Miranda, pero a nosa candidatura representa “á maioría social deste país”, a que está “afectada pola crise, machacada, a que non ten traballo ou ten traballos precarios, a xente estafada e roubada”, dixo. “Somos a candidature limpa, honesta, anticorrupción", encabezada por unha muller galega, filla de traballadores, nacida en Cuntis e criada no barrio vigués das Travesas explicou.

"Moi lonxe dun Arias Cañete millonario que representa aos terratenentes andaluces, ou dun José Blanco que ve no Parlamento Europeo o seu retiro dourado”, comparou, presentamos unha lista de homes e mulleres da Galiza real,

Se está o BNG, está Galiza

Miranda lembrou que “o BNG foi a voz de Galiza no Parlamento Europeo, porque se o BNG está, Galiza estᔠreafirmou en varias ocasións. “Fomos a voz deste país no Parlamento Europeo, quen deu voz aos nosos gandeiros e produtores de leite, a pesca de baixura e ao marisqueo, ao sector naval de Vigo e de Ferrol, aos mariñeiros da frota cefalopodeira de Mauritania, aos estafados polas preferentes, aos que loitaron contra a megaminería contaminante, aos que reclamanban o saneamento integral das nosas rías. Porque se está o BNG, está Galiza”, repetíu. “Non queren que esteamos no Parlamento Europeo porque na defensa de Galiza comémoslles as papas ao PP e ao PSOE”, concluíu.

“Zumbarlle unha malleira á troika” nas urnas o 25 de maio

“O BNG preséntase para zumbarlle unha malleira nas urnas á troika o 25 de maio”, arrincou o portavoz nacional,  Xabier Vence, quen instou á cidadanía "a parar a involución social e democrática que a dereita está impoñendo en Europa. A nós non nos vale esta Unión Europea, nin é viable, nin o noso país pode sobrevivir nela”, dixo Vence.

O dirixente nacionalista afirmou que “o PP e os seus donos xa acenderon aos altofalantes para dicir que  comezou a recuperación”. “Se a mentira fose delicto estarían todos na cadea e con cadea perpetua”, dixo Vence porque “os bancos e as grandes fortunas están en recuperación, si, pero a costa do empobrecemento da xente”.

Vence asegurou que “Feijóo e Rajoy están contentos”, porque “os mercenarios sempre cumpren o seu papel”, pero que non esquezan, dixo, que “Roma non paga traidores”. “Non lles pagarán tanta submisión. Nin sequera levan candidatos galegos na lista do PP, só ao madrileño Millán Mon e a ese Cañete bravo que esmaga o noso agro”, definíu.

Pero “o 25 de maio non só queremos zouparlle á troika e ao PP”, asegurou o portavoz nacionalista, queremos “avanzar na soberanía do noso país”, explicou. “Outros parecen perder o norte falando de alianzas cos pobos do sur. O noso norte está aquí”, dixo.

O actual modelo de Europa só favorece a emigración

Xosé Manuel Carril, número 2  ás europeas, criticou o actual modelo de Europa "que só favorece a emigración, o que eles chaman libre circulación de persoas”, criticou. “A Unión Europea é un lugar de mercaderes e de banqueiros que nada queren saber de democracia”, dixo.

“Defendendo a Galiza no Parlamento Europeo, denunciamos que a UE é a primacía do económico e dos Estados sobre as nacións e os pobos de Europa. Os galegos e galegas só pedimos poder vivir e producir na nosa terra en paz e sen amolar a ninguén”, concluíu.

O equipo da casa

Nun acto cheo de vídeos e actuacións musicais e presentado pola actriz Isabel Risco e o debuxante Xose Lois O Carrabouxo, interviron varios membros da candidatura, dese “equipo da casa”. Como Suso Domínguez, representante das plataformas de afectados pola “estafa” das preferentes, que tiveron voz en Europa grazas ao escano do BNG; Vitoria Louro, “muller e feminista”, ou Xabier Aboi, representante do sector pesqueiro galego, a quen o BNG defendeu “sen descanso” nesta lexislatura en Bruxelas.

Dende Italia chegou un video de Iago Rodrígez- Lestegás, un mozo emigrado, que contaba cunha cadeira baleira no estrado en representación dos 120.000 mozos e mozas que se viron forzados a marchar do país na busca dun futuro. Mozos e mozas coma Olaia Rodil, unha rapaza da montaña de Lugo que defendeu que “Galiza é a despensa do Estado español” e por iso, dixo “queremos poder producir para poder traballar e vivir na nosa terra”.

O escritor Suso de Toro contou que cando se puxo a escribir non dubidou en que lingua facelo,: "na lingua do meu país, na única lingua do meu país, cal ía escoller? Pois, do mesmo xeito, só nos van defender organizacións propias, non o van facer organizacións dese Estado español que nos discrimina. Que queiran que non, Galiza é unha Nación", concluiu.

O Encontro Nacional Aberto do BNG congregou a 1.500 militantes e simpatizantes, cuxo traballo e entrega serán chave dentro da precampaña e campaña do BGN ata o 25 de maio.

TODAS AS IMAXES POR XAQUÍN SOLIÑO EN: https://www.flickr.com/photos/54585288@N07/14034745655/in/set-72157644364907024/

Máis imaxe no noso Flickr

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG