BNG solicita a comparecencia conxunta de Guindos, Soria e Montoro para abordar o naval desde xa

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, explicou hoxe en rolda de prensa que o BNG solicitou esta mañá a convocatoria dunha Deputación Permanente para que comparezan conxuntamente os Ministros de Economía, de Facenda e de Industria pola situación suscitada a raiz de se coñecer onte a resolución do expediente sobre o anterior Tax Lease.

Para a portavoz do BNG no Congreso a decisión que coñecemos onte “demostra que é unha decisión política da UE, que se tiña que ter tratado desde posicionamentos políticos, como sempre demandou o BNG”. Neste sentido, lembrou as reiteradas solicitudes do BNG, tanto a Rajoy como a Feijoó, para que emprendesen actuacións políticas diante das autoridades europeas e os estados membros da UE”.

Criticou a pasividade gubernamental porque “durante este tempo nada fixo o Goberno do estado para salvar ao naval, para que fose competitivo”. A deputada do BNG pediu axilidade ao Executivo para que se aborde a situación canto antes. Por iso, “solicitamos a comparecencia de tres Ministros con responsabilidades na cuestión porque deben explicar que vai facer o Goberno a partir de agora porque precisamos respostas urxentes, non dentro duns meses”.

Davila fixo un recoñecemento do labor da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, en relación a este tema e puxo de manifesto que continuará a traballar en Bruxelas como no día de hoxe. Resaltou as xuntas promovidas por Ana Miranda co Comisario Almunia, e subliñou que “nengún eurodeputado do PP se entrevistou do Comisario da Competencia”.

Davila instou ao Goberno e á Xunta a asumir políticas activas no financiamento do sector naval, “igual que están a facer outros países da UE, impulsando créditos a baixo xuro. Non é posíbel que en Alemaña os xuros para o financiamento do naval estean ao 4%, mentras aquí están ao 12%. Unha situación que nos coloca case nun nivel de competencia desleal”. Así propuxo que o Goberno active créditos a baixo xuro através do ICO ou dos bancos nacionalizados como NCG.

Rajoy e Feijoó responsábeis

Pola súa parte, a voceira municipal do BNG no concello de Vigo, Iolanda Veloso, subliñou o efecto negativo da medida adoptada pola UE, “un golpe máis para unha cidade cunha situación de crise económica dramática e altas cifras de paro”. E amosou a preocupación do BNG “polas consecuencias da decisión”e lembrou a defensa a ultranza do sector naval no concello de Vigo con accións conxuntas entre todas as forzas políticas e entidades sociais.

Afirmou que “o problema do naval vai máis alá de declarar persoa non grata a Almunia como propón o alcalde. Almunia xa é persoa non grata, pero se diso se trata tamén deberíamos declarar persoas non gratas a Feijoó e a Rajoy, que non defenderon ben ao sector”. Engadiu que “desde o concello de Vigo seguiremos reclamando medidas para o desenvolvemento do naval e para o mantemento dos postos de traballo, xa que o que ocorra co naval ten consecuencias económicas noutros sectores da cidade”.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Carme Adán, tildou de “decisión inxusta a adoptada pola UE sobre o noso naval, e outra vez nos topamos cun Presidente da Xunta que en lugar de pór solucións enriba da mesa, segue a exercer de tertuliano e opinador de noticias”.

“Cando chegou Núñez Feijoó á Xunta de Galiza, o sector naval galego era o primeiro do estado, neste momento, o sector galego está no posto número tres. Preguntámonos como é posíbel que o sector naval do País Vasco gañase pedidos, e que as gradas dos esteleiros galegos estean valdeiras, e non podemos evitar comparar a inacción do Goberno galego coa acción doutros gobernos autonómicos”.

Reprochou a Feijoó que “non mova un dedo por converter Novagaliciabanco nun banco público galego, que sería un válido instrumento para financiar o sector naval”. Censurou á Xunta porque “ante esta situación nada sabemos dos plans do goberno galego para que o sector naval galego non desapareza, non sabemos que plans e estratexias van pór en marcha, nen que van facer desde a Consellería de Industria e desde o IGAPE, que podería ser un instrumento para facilitar o crédito para as empresas do sector”.

Anunciou que o BNG solicitará a convocatoria dun Pleno estraordinario do Parlamento galego para abordar en profundidade este grave problema.

Doutra banda, o responsábel comarcal de Vigo, Manuel Caride, puxo de manifesto que a situación crítica do sector naval na Ría de Vigo “non é froito da casualidade, é consecuencia da nefasta xestión da Xunta e do Goberno central”. Criticou a falla de iniciativa tanto dunha Administración como da outra para impulsar un sector estratéxico.

Caride sinalou que o Goberno español “ten que buscar solucións para o sector, e plantarlle cara a unha UE que está destruindo un sector produtivo importante”, e engadiu que o BNG non abandonará ao sector naval, “segueremos a traballar tanto na rúa como nas institucións”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG