BNG vota en contra do aforamento de Juan Carlos e acusa ao Goberno de furtar o debate no Parlamento

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna a manifestar o voto en contra do BNG ao aforamento de Juan Carlos I, incluida polo Goberno através de emendas a un proxecto de lei que nada tiña que ver.

Davila deixou claro o voto en contra do BNG ao proxecto de lei que recolle o aforamento de Juan Carlos I, “tanto polas formas como polo fondo da cuestión”. “Non compartimos as formas utilizadas polo Goberno do PP que consistiu en presentar unha emenda a un proxecto de lei en curso en apenas 24 horas, unhas formas que nos impediron aos grupos presentar emendas ou dar un debate non só sobre o aforamento en concreto de Juan Carlos I, senón en xeral sobre a figura so aforamento”.

A deputada do BNG acusou ao Goberno “de furtar ao Parlamento a posibilidade de que os grupos parlamentares puidesemos cumprir coa nosa responsabilidade”.

De que protexen a Juan Carlos I? De que queren protexer á infanta Cristina?

Olaia Fernández Davila tamén criticou o fondo: “non podemos compartir tampouco que se otorgue a Juan Carlos I uns privilexios que xa non lle corresponden porque xa non ten funcións en activo” e preguntouse “de que quer o Goberno protexer a Juan Carlos I e por que tantas presas? De que quere protexer o Goberno á infanta Cristina cando anuncia que vai recorrer a imputación?”.

“A democracia non foi unha graza divina do rei Juan Carlos I”

Ademáis, Davila censurou que se achaque a democracia ao rei Juan Carlos I. “Dóenos como cidadáns que vivimos épocas de ditadura, que se siga alabando tanto ao rei Juan Carlos I como se por graza divina se nos otorgase a democracia. É tanto como insultar a miles de cidadáns que por defender a democracia tiveron que sofrir a represión da ditadura”.

Engadiu que “non podemos aceitar que a democracia, moita ou poca que existe no estado español, sexa unha graza de ningún rei cando foi unha graza que nasce da defensa dos cidadáns”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG