O BNG logra o acordo do Parlamento para axilizar o proxecto de recuperación da ría do Burgo en 2017

XLRIVAS PLENO10MAIO17
  • Denuncia o agravio do Estado con Galiza e advirte dun pacto das forzas estatais para deixar durmir no Congreso a lei da transferencia da AP9

O BNG logrou un acordo unánime do Parlamento para axilizar a tramitación do proxecto de rexeneración da Ría do Burgo e iniciar as obras de dragado este mesmo ano.

En concreto, a proposición non de lei nacionalista inclúe reclamar ao Estado axilizar a tramitación  do proxecto para que se podan empezar as obras de dragado en 2017 así como a adopción dunha serie de medidas de protección do ecosistema da Ría e a creación dunha comisión de seguimento integrada polas distintas administracións, axentes implicados e a Universidade da Coruña.

A iniciativa do Bloque foi defendida polo deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas quen, na súa intervención, criticou a discriminación permanente do Estado con Galiza, das que a demora na rehabilitación integral da Ría do Burgo ou a AP9 son un claro exemplo.

Rivas foi máis aló e advertiu contra un pacto das forzas estatais para deixar esmorecer “collendo po” a lei de transferencia da AP9 aprobada onte mesmo polo Parlamento, pero coa exclusión do BNG da delegación que defenderá no Congreso un texto do que foi redactor e impulsor superando mesmo o veto do Goberno central.

“O debate de onte foi desalentador, primeiro pola pinza (PP, PSOE e Marea) contra o BNG, segundo pola advertencia manifestada polo PP sobre a dificultade de que a transferencia da AP9 se leve finalmente a cabo e, terceiro, porque tememos estar ante un pacto das forzas políticas estatais para que a lei durma nun caixón dos, tres, ou catro anos de Lexislatura collendo po e esquecemento”, salientou na súa intervención.

Por iso, o Bloque insta a Feijóo a que, como presidente da Xunta, utilice a forza que lle da o respaldo unánime do Parlamento para conseguir a transferencia da AP9 canto antes. “Pode impedir que isto ocorra coa  AP9”, dixo, de tal xeito que tamén pode impedir outros agravios con Galiza como o aprazamento da  longamente reclamada rexeneración integral da Ría do Burgo, argumentou.

Na súa intervención, o deputado pola Coruña denunciou a actual parálise na recuperación deste ecosistema. “As actuacións de dragado da Ría seguen en punto morto, e pese ás promesas de que 2017 sería o ano do inicio das obras de dragado, o Estado leva meses sen responder ás alegacións”, indicou, ao tempo que citou como “colofón” o feito de que os orzamentos do Estado so recollen un millón de euros de investimento cando o proxecto de dragado ten un custe total de 50 millóns.

A proposición non de lei do Bloque foi aprobada na súa totalidade, con dous puntos. “Reclamar ao Goberno do Estado axilizar a tramitación do proxecto de dragado para iniciar as obras do mesmo en 2017” e un segundo punto no que se piden que se leven a cabo as seguintes actuacións vinculadas a limpeza integral da Ría.

Axudas para as mariscadoras

Primeiro lugar, protexer o ecosistema durante o dragado; segundo, un plan de vixilancia e control exhaustivo da calidade das augas; terceiro, crear unha comisión de seguimento integrada pola administracións, UdC e axentes implicados; cuarto, axudas para compensar aos mariscadores e mariscadoras durante o período de inactividade.

A proposición non de lei aprobada tamén inclúe a restauración ambiental integral que se traduza nun corredor ecolóxico entre o encoro de Cecebre e o mar e a elaboración dun plan de usos da ría que permita a súa utilización sustentable compatibilizando as funcións ecolóxica, económica e social deste espazo natural da Ría do Burgo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG