A situación das residencias de maiores volve ser tema prioritario do BNG no próximo pleno do Parlamento tanto a través da pregunta de control ao presidente da Xunta da portavoz nacional, Ana Pontón, como a través dunha moción na que se reclama a intervención pública de todos os centros, tendo en conta os contaxios masivos que están a rexistrar tamén na segunda onda de COVID19.
“O que lle pedimos ao Goberno de Feixóo é previsión, anticipación e blindaxe das residencias cunha intervención públicas de todos os centros privados”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, na comparecencia posterior á xunta de portavoces e tras citar casos como os das residencias do Incio, Outeiro de Rei, Pereiro de Aguiar ou Monterrei.
O Bloque tamén levará a pleno a creación dunha comisión de investigación para concluír o traballo parlamentario iniciado fai oito anos para esclarecer o proceso de concentración e posterior desaparición das caixas galegas, toda vez que o recente auto da Audiencia Nacional apunta á Xunta como responsable do fiasco dunha operación que supuxo 8.000 millóns de euros para o erario público e a liquidación destas entidades.
Rodil confía en que, nesta ocasión, o PP no censure os traballos da comisión “e se permita culminar un proceso que botou a andar en 2012, que tivo un segundo intento en 2017 que tampouco prosperou polo veto da maioría da Cámara que ten o asunto pechado baixo sete chaves. Esperamos que esta vez sexa a definitiva para esclarecer o que pasou de verdade coas caixas galegas”, subliñou a viceportavoz, quen amosou a disposición do BNG a presentar unha única proposta se é posible transacionar un texto co resto das forzas parlamentarias.
ALCOA será igualmente unha cuestión prioritaria dentro da ofensiva final para lograr a nacionalización da factoría de San Cibrao mediante a intervención pública do Goberno da Xunta e do Goberno do Estado. O Parlamento volverá abordar esta cuestión despois de que o Congreso aprobase hoxe a proposta do BNG solicitar do Executivo central a intervención pública da fábrica de aluminio.
As infraestruturas ferroviarias, en concreto o progresivo desmantelamento do servizo, será debatida no pleno “porque non se pode permitir que Galiza siga a perder frecuencias, horarios, con liñas sen electrificar ou con trens sen modernizar, no pode ser que a COVID sirva de coartada para seguir desmantelando un servizo vital para a vertebración do país como fixo antes o Goberno do PP e agora o Goberno de PSOE-Podemos. Reclamaremos a restitución das liñas e dos servizos ferroviarios suprimidos polo Executivo central”, concluíu Rodil.