BNG denuncia que o Executivo de Rueda prepara o desembarco de Ence no Pazo de Lourizán

Luís Bará
Luís Bará
Bará critica o desmantelamento do Centro de Investigacións Forestais e advirte que o traspaso a Industria é “outro paso cara a súa desaparición”

O portavoz de Medio ambiente, Luís Bará, denuncia a situación de desmantelamento do Centro de Investigacións Forestais (CIF) e anticipa que “o Executivo de Alfonso Rueda prepara o desembarco de Ence no Pazo de Lourizán”. Alerta de que o  recente traspaso da xestión do CIF de Lourizán a Industria “é un paso máis cara a súa desaparición”.

O deputado pontevedrés leva este tema á Comisión 7ª deste mércores, para advertir que o Goberno do PP “pretende desvirtuar o CIF e substituílo por un Centro de Investigación da Industria Forestal tutelado por Ence”. Na mesma operación -aclara-  está incluída a cesión do Pazo de Lourizán a un conglomerado empresarial dirixido pola empresa pasteira.

O deputado nacionalista sinala que “o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán está “baixo mínimos”, con varias prazas sen cubrir, outras cubertas mediante convenios con entidades privadas, sen continuidade dos proxectos de investigación, con instalacións sen uso, e coa fuga constante de persoal de investigación que “se ve obrigado a buscar o seu futuro profesional noutros centros pola falta de alicientes e expectativas”.

“A Xunta do PP está sometendo o CIF de Lourizán a unha morte lenta”, asegura, para engadir que o que foi centro de referencia da investigación forestal no Estado “esmorece por falta de medios e de apoio institucional” , o que provoca que “liñas de investigación que antano foron punteiras están agora baixo mínimos”. 

En opinión do deputado, “semella que o único interese do Executivo de Rueda é poñer o Centro de Investigacións e o Pazo de Lourizán nas mans de grandes empresas do sector forestal, unha operación -sentencia- capitaneada por Ence e dirixida persoalmente polo presidente da Xunta, que xa intentou no seu día a cesión do pazo á empresa pasteira e agora pretende facelo pola porta de atrás, con nocturnidade e aleivosía”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG