BNG denuncia no Parlamento a exclusión de alumnado para o vindeiro curso

Cristina Fernández
Cristina Fernández

A deputada Cristina Fernández Davila advirte que as familias non merecen estar á espera de onde acomodan as nenas e nenos que quedaron fóra da listaxe de adxudicación de prazas

A diminución de ratios debe servir para mellorar a calidade do ensino, non para empeorar a vida das persoas

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar no Parlamento a exclusión de alumnado en centros educativos a consecuencia da aplicación do acordo asinado entre a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP e algunhas centrais sindicais. A deputada Cristina Fernández Davila sinalou a situación de anómala e exixiu admitir a todo o alumnado que solicita praza, tanto neste curso como nos vindeiros, tendo en conta que no centro educativo existe espazo e disposición para enfrontar estas solicitudes.

O pasado mes de abril saíron publicadas as relacións provisionais de alumnado admitido nos distintos centros escolares, nas que moitas familias observan como o seu fillo ou filla non figura nas prazas asignadas. “As familias excluídas amosan unha clara sorpresa ante esta actuación, xa que é inexplicable, que no centro que lles corresponde, a administración non teña pensado ampliar o número de unidades cando agora é necesario” salientou Fernández Davila.

A portavoz de Educación do BNG destacou que a situación é consecuencia do acordo asinado entre a Consellería de Educación cos sindicatos minoritarios do ensino en Galiza. Un acordo, que lonxe de cumprir os mínimos que garantan a mellora educativa e a volta ás condicións laborais do ano 2010, “o que fixeron foi dividir ao colectivo e permitir unha implementación das medidas de xeito progresivo buscando o seu axuste co descenso demográfico”. A medida máis polémica na actualidade é a reducción das ratios nas aulas.

“O que está a acontecer é que os centros educativos ofertaron as prazas dispoñibles segundo o acordo das novas ratios, polo que deixan alumnado fóra, aínda tendo espazo no centro e a Consellaría non lles permite desdobrar para ter grupos máis pequenos naqueles cursos onde se precisa” subliñou a deputada. “Situacións todas elas que se dan en maior medida nos centros educativos do rural”.

“A redución de ratios consecuencia do citado acordo, non pode conlevar a redución de unidades, a redución de escolas ou a redución de profesorado. A diminución de ratios debe servir para mellorar a calidade do ensino, non para empeorar a vida das persoas”.

Fernández Davila reivindicou que “todos os centros educativos galegos, sexan urbanos ou rurais, merecen respecto, merecen medrar e optar a un futuro polo que están duramente traballando ás súas comunidades educativas”. Estar matriculados nun centro ou noutro é fundamental para as familias “xa que pode ocasionar problemas de conciliación, sen contar co interese que mostraban moitas delas en matricular ás súas crianzas en centros do rural”.

O BNG insta á Consellería de Educación a solucionar esta problemática que están a sufrir ás familias e se lles asigne praza para os seus fillos ou fillas que este ano escolarízanse por primeira vez ou ben deben mudar de centro por cambio de etapa educativa.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG