congreso

BNG defenderá impulsar un Plan Industrial para Navantia Ría de Ferrol que reactive a comarca

Néstor Rego
Néstor Rego

“Navantia é unha empresa pública polo que o Goberno do Estado debe apostar, de forma decidida, pola reindustrialización da comarca de Ferrol” afirma Néstor Rego

Aumentar o emprego e a carga de traballo, crear riqueza na comarca, promover unha recuperación demográfica e socio-económica: obxectivos do BNG coa iniciativa

O Bloque Nacionalista Galego defenderá unha iniciativa na Comisión de Industria e Turismo no Congreso instando o Goberno a que ao lado da adxudicación ao Centro de Navantia na Ría de Ferrol de construcións militares de mediano e grande porte, se recupere decididamente a actividade na construción naval civil. Do mesmo xeito, en aras de adaptar as instalacións, urxirá dotar de novas infraestruturas as instalacións e modernizalas para mellorar a súa capacidade. Por último, a frente nacionalista demanda a descentralización da política de compras e subcontratación para favorecer ao tecido empresarial do territorio.

“Esta é unha iniciativa que nace co obxectivo de reverter a situación laboral, económica e demográfica na comarca de Ferrolterra porque somos conscientes do papel que ten Navantia na Ría de Ferrol como motor económico” avanza o deputado nacionalista. Neste sentido, Néstor Rego lembra que os partidos estatais, sempre que estiveron no Goberno central, realizaron declaracións públicas de aposta e defensa do sector “mais case nunca viñeron acompañadas por feitos”.

As políticas de reconversión, de facto, resultaron ser accións absolutamente decididas para reducir capacidades produtivas e teñen provocado unha perda de poboación, nomeadamente de poboación activa, na comarca de Ferrol que non ten comparación con ningunha outra cidade ou comarca do Estado español.

“Navantia é unha empresa pública propiedade da SEPI dedicada á construción naval polo que o Goberno do Estado debe desenvolver políticas activas para reverter a situación da comarca de Ferrol e apostar, de forma decidida, pola reindustrialización” afirma o deputado do BNG. Para isto, continúa Rego, é preciso que o executivo, ao lado da adxudicación ao Centro Navantia Ría de Ferrol de construcións militares de mediano e gran porte, como ven sendo norma historicamente, se recupere decididamente a construción de buques civís e se diversifique a actividade. “É preciso recuperar a construción naval civil e introducir este centro de traballo nos segmentos con maior carga tecnolóxica das actividades relacionadas coas enerxías renovábeis e a descarbonización da mobilidade marítima” subliña.

Por outra parte, a frente nacionalista demandará a dotación de novas infraestruturas, como un dique para nova construción e outro para reparacións de maiores dimensións que actual dique 3, así como mellorar e aumentar a capacidade dos sistemas de elevación de cargas. “Defendemos a descentralización da política de compras e subcontratación favorecendo ao tecido empresarial do territorio de referencia para Navantia ría de Ferrol” engade o deputado do BNG no Congreso.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG