O BNG devolvería calquer ingreso de confirmarse que procede de Vendex e defende corrupción cero

O BNG deu explicacións públicas e inmediatas en relación a información publicada hoxe na que se indica que a empresa Vendex fixo un ingreso por importe de 6.000 euros na conta da formación con data 19 de maio de 2011.

A través do secretario de organización, Bieito Lobeira, o BNG salienta que as contas do BNG correspondentes a 2011 foron “fiscalizadase validadas polo Tribunal de Cuentas, ratificando a súa total legalidade nun informe oficial e público dese órgano de control estatal, que está a disposición de quen queira consultalo”.

Lobeira explicou que o BNG “no ten constancia algunha de ter recibido ningún ingreso ni por parte da empresa Vendex, nin por parte de ningunha outra empresa inmersa en ningunha investigación xudicial”. Porén, tras coñecer a información publicada citando un sumario ao que o BNG non ten acceso, se procedeu a “revisión e análise inmediata” dos ingresos producidos na data de referencia.

Comprobada a existencia dese ingreso, de xeito inmediato se procedeu a solicitar información da súa procedencia á entidade bancaria, naquel momento Caixa Galicia, agora NovaGaliciaBanco.

Como resposta, a sucursal comunica que é incapaz de identificar a persoa ou entidade que efectuou o ingreso, argumentando que non ten esa información informatizada e, ante o insistente requirimento do BNG, explica que vai demandar esa información a sede central e que confía estará dispoñible en 48 horas.

Como explicou o secretario de organización ante os medios, o BNG recibe achegas procedentes de militantes e simpatizantes a través de ingresos bancarios, “dentro sempre da legalidade e da normalidade”, sen detectar ningunha anomalía na contabilidade de 2011 que, por suposto, incluía tamén ese ingreso.

“Hai que ter en conta, ademais, que a data corresponde a un momento de campaña, no que é habitual que militantes e simpatizantes fagan achegas como maneira de colaborar. Ese ingreso, con ser xa unha cantidade significativa, perfectamente podía ser o resultado da suma de achegas individuais”, explicou Lobeira.

En calquera caso, “con independencia de que a contabilidade do BNG de 2011 foi fiscalizada e validada polo Tribunal de Cuentas, sen detectar ningunha irregularidade”, Lobeira anunciou que, “de confirmarse que o ingreso procede, directa ou indirectamente, do grupo Vendex ou de calquera outra empresa concesionaria de servizos, o BNG procedería á súa devolución inmediata polas canles que correspondan”.

O secretario de organización salientou que “prácticas corruptas ou de financiamento ilegal non se realizan a través de transferencia bancaria, método regulado e fiscalizado”. Pero, en calquera caso, “de confirmarse que o ingreso procede dunha empresa que está sendo investigada, ou calquera outra empresa concesionaria dun servizo, procederase á devolución do ingreso”, reiterou.

Lobeira subliñou que, non por coñecida, quería deixar de reiterar a posición do BNG en relación a corrupción: “Tolerancia cero coa corrupción e que as investigacións en curso se leven a cabo ata as últimas consecuencias”, recalcou, tras lembrar que o Bloque non ten nin un só cargo ou responsable político imputado por corrupción.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG