parlamento galego

BNG conseguiu o compromiso de que as familias do barrio de Novo Mesoiro van ter garantida unha praza no IES a Sardiñeira

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas reclamou no Parlamento que o espazo para os novos ciclos formativos no IES A Sardiñeira estea listo para o novo curso

O BNG acadou o compromiso de que as familias do barrio de Novo Mesoiro van ter garantida unha praza no IES Sardiñeira e reclamou que as obras de reforma do espazo habilitado para os novos ciclos formativos que se van dar no centro estean listas para este novo curso.

A portavoz de Educación do BNG, Mercedes Queixas saíu da comisión 4ª co compromiso de que as familias do barrio do Novo Mesoiro, un dos máis novos e que con máis crecemento poboacional da cidade da Coruña, van poder escoller onde matricularse grazas á dobre adscrición que viña demandando o Bloque Nacionalista Galego e que se vai garantir xa neste curso.

 “Agradezo que as nosas demandas vaian ser atendidas”, asegurou Queixas, para lamentar que non se tivese comunicado oficialmente ao Instituto da Sardiñeira ou non o trasladasen á Asociación Veciñal de Novo Mesoiro con tempo porque “sería moito máis resolutivo para as familias telo sabido antes para ter a garantía de poder matricular aos seus fillos e fillas na Sardiñeira ou  para organizar mellor o seu plan de vida”.

Tamén lamentou que o equipo directivo do centro non o soubese con antelación porque “todos sabemos que un curso se empeza a organizar moito antes de que remate o anterior”

Por outra banda, Queixas asegurou que “é unha moi boa nova” que tamén atendesen outra das demandas do BNG referida á habilitación de espazos para impartir os novos ciclos formativos, concretamente o acondicionamento da aula semisoto que estaba proposta e tamén a reforma dun laboratorio, obras que o PP asegurou que se afrontarían este verán e que a deputada espera que estean prontas para o comezo do curso.

Trátase de ciclos vinculados a Química Industrial que empezan o 11 de setembro, o que implica “medrar en alumnado até 40 alumnas e alumnos e tamén aumentar o cadro docente en catro  docentes máis”.

Neste sentido, a deputada manifestou que se deben ofrecer “con garantías en canto á necesidade de infraestruturas que teñen tanto o alumnado como o profesorado”, tendo en conta que non foron requiridos polo propio instituto senón que “é unha decisión que vén da Consellería”.

Queixas recoñece que “medrar en positivo é necesario e este centro é quen de dar resposta desde a calidade educativa a estas novas demandas, sobre todo -subliñou- neste tipo de ciclos que precisan de laboratorios que dean resposta a esa formación pola que se caracteriza o Instituto da Sardiñeira”. Sinalou ademais que “son ensinanzas cun 97% de inserción laboral e onde moitas empresas e multinacionais miran cara ao alumnado que se forma neste instituto”

“Non sería boa noticia que o curso comezase sen ter estes espazos como aconteceu este ano no Instituto de Malpica, onde empezou un curso de cociña e resulta que a cociña aínda se está empezando a facer agora”, advertiu.

Todos estes problemas resolveríanse coa construción dun novo instituto para o barrio do Novo Mesoiro, outra das demandas do BNG e que a deputada da Coruña volveu reclamar ao PP durante a súa intervención na Comisión 4ª e que tamén espera que sexa atendida.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG