O portavoz nacional sinala que o actual modelo está deseñado dende Madrid e definido con criterios centralistas e provincianos
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2013.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, reclamoulle ao presidente da Xunta que convoque as forzas políticas e representantes locais para impulsaren a constitución dun sistema aeroportuario galego e a reivindicación desta competencia para Galiza.
Na comparecencia de prensa, de cara a amosar a posición conxunta do BNG, estiveron tamén Iolanda Veloso, Rubén Cela e Xosé Manuel Carril, portavoces municipais nacionalistas en Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, respectivamente; Olaia Fernández Davila, portavoz no Congreso; Ana Pontón, deputada do Parlamento galego; e Goretti Sanmartín, responsábel de Implantación e Estratexia municipal na Executiva nacional do BNG.
O líder do BNG cualificou de fracaso absoluto o modelo aeroportuario deseñado dende Madrid nas últimas décadas, definido con criterios centralistas e provincianos, dixo, que consumiu un volume de recursos enorme, pois nos últimos 6 anos foron orzados 600 millóns de euros en investimentos para o noso sistema aeroportuario cun resultado de poucas conexións internacionais e tarifas caras que fan privativo viaxar dende Galiza a Europa e a outras partes da Península Ibérica.
O resultado é un absoluto fracaso, que se pode atribuír ás políticas seguidas polos gobernos do PP e do PSOE, polo que o BNG considera que cómpre abrir un debate para pensar cunha visión estratéxica este problema, sinalou. Non vale poñer apaños e parches porque mentres non se solucione a concepción do sistema aeroportuario non hai verdadeira solución para atender as necesidades dos viaxeiros e das viaxeiras deste país nin dos sectores produtivos que dependen do transporte aeroportuario, engadiu o portavoz nacional.
Apostar por un modelo estratéxico de futuro
Para Xavier Vence, non ten sentido envolver o país nunha estratexia de curto alcance, nunha lideira populista e localista que só conduce a un resultado absolutamente irresponsábel para o país, que é a dinámica na que nos están a introducir tanto o PP como o PSOE, tanto dende a Xunta como dende os concellos nos que gobernan.
O BNG considera, polo tanto, que cómpre ter altura de miras e deseñar un modelo estratéxico de futuro para o sistema aeroportuario galego, polo que lle esixiu a Núñez Feijóo e á Xunta de Galiza que, dunha vez por todas, asuman o liderado e convoquen a todas as forzas políticas e ás autoridades locais a debater en serio un proxecto de futuro para as conexións aéreas de Galiza.
Unha planificación de conxunto, pensada para os tres aeroportos e en clave de país
Para o BNG, a solución pasa por diversificar as rutas aéreas a partir da cooperación, complementariedade e especialización dos aeroportos galegos, sen que falte ou sobre ningún, e así contribuír á intermodalidade coas infraestruturas portuarias e o ferrocarril, co fin de artellar un sistema integrado galego.
As subvencións públicas, unha planificación de conxunto
A preguntas de xornalistas sobre o criterio para o reparto de subvencións, explicou que o actual problema aeroportuario galego non se resolve con parches de curto prazo dando subvencións maiores ou menores aquí ou alí, porque iso constitúe a prolongación dese estrago inútil de recursos públicos sen que cheguen a resolver o problema de fondo e ofrecendo un mal servizo á cidadanía.
O BNG está a favor de que haxa unha planificación de conxunto, pensada para os tres aeroportos e en clave de país, é hora de que a Xunta busque un consenso das forzas políticas e dos intereses territoriais para darlle solución ao problema das subvencións, que son a continuación da agonía dos aeroportos a cargo dos recursos públicos.
En ningún caso os concellos poden asumir subvencionar as empresas aéreas, esa é a posición clara do BNG, afirmou na presentación Goretti Sanmartín, moito menos nestes tempos de crise e, en caso de existiren axudas, teñen que partir dun deseño central, planificado e con visión de país, onde estean presentes todos os axentes relacionados, e onde haxa unha serie de criterios definidos e non sexan cheques en branco para que existan contrapartidas co fin de conseguirmos que os avións vaian cheos, a bos prezos e con boas frecuencias co obxectivo de non ter que desprazármonos a outros aeroportos.