parlamento galego

BNG acusa ao PP de intentar “abrasar” aos concellos para pagar a mala xestión e o negocio de Naturgy en Sogama

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará avoga por un gran pacto de País para cambiar o actual modelo de tratamento de residuos “centralizado, obsoleto, antiecolóxico e moi caro”   

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, reclamou ao Goberno do PP que dea marcha atrás e suprima o “taxazo” polo tratamento do lixo para que non sexan os concellos e, polo tanto, a veciñanza, quen pague directamente dos seus petos a “situación de bancarrota” de Sogama, un modelo “centralizado, obsoleto, antiecolóxico e moi caro”.

Bará aproveitou unha interpelación á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez,  para reclamar ademais á Xunta que dialogue cos concellos e promova un pacto de País para cambiar o modelo galego de tratamento de residuos que aposte pola compostaxe, a reciclaxe e a reutilización. “Canto menos se incinere en Sogama, menos se abrasará aos concellos”, advertiu.

O deputado nacionalista considerou un “atraco” a suba que a Xunta quere aplican no canon que pagan polo tratamento dos residuos os concellos que, segundo o anunciado, pasarán de abonar 56 euros por tonelada no ano 2023 a 108/Tn no 2025. Unha suba “escandalosa” coa que a Xunta, advertiu, quere “engordar” o negocio da Xunta e Naturgy en Sogama, tratando de remediar as consecuencias de anos de malas decisións  “nunha deriva absolutamente suicida”.

Referiuse, deste xeito, aos contratos “multimilllonarios” aprobados dende 2015, por máis de 700 millóns de euros, e que aínda hai que pagar, para a ampliación das instalacións de Sogama coa pretensión de xestionar a totalidade dos residuos xerados en Galiza. “Ese é o gran erro”, dixo Bará, en alusión ao modelo baseado na incineración e no  depósito en vertedoiro de Sogama. Segundo os datos oficiais, o 80 % dos residuos que chegan a Sogama ou son incinerados ou acaban no vertedoiro.

O portavoz de Medio Ambiente do BNG lembrou, por outra banda, que os beneficios de Sogama baixaron un 70 % no ano 2022 polo incremento do prezo do gas. “Isto vai en contra do equilibrio das contas de Sogama, pero vai a favor do negocio de quen lle subministra o gas, que é a súa socia Naturgy”, recalcou. “Naturgy facturando polo gas e pla electricidade que lle subministra a Sogama e vostede facturando aos concellos e á cidadanía, que teñen que pagar agora o taxazo que queren impoñer”, abundou.

Considerou, por iso, que o PP utiliza agora como “escusa” o imposto estatal que penaliza a incineración e o vertedoiro, un gravame co que o propio PP apoiou no Congreso e que responde á directiva europea de residuos. “O fracaso do modelo de Sogama é estrepitoso e levounos a que Galiza estea nos postos de cola do Estado en reciclaxe”, considerou o deputado nacionalista, que subliñou que no 2020 no País apenas a taxa de reciclase en Galiza apenas chegaba ao 20% cando a UE marcaba o obxectivo para ese ano no 50 %.

“Cando o negocio de Sogama salta polos aires, cando vostedes están noqueados, cando os concellos se lle botan enriba, o seu Goberno intenta votar a culpa a un imposto que ningún Estado, só vostedes agora, cuestionan”, asegurou Bará durante a interpelación á conselleira, á que Bará recomendou mirar cara as comunidades que están a facer as cousas mellor que Galiza, como País Vasco, Rioja, a Comunidade Valenciana ou Cataluña, con porcentaxes de reciclaxe moito máis altas. Cataluña, salientou, recada dende hai anos o imposto pola incineración e destina os seus recursos a fomentar alternativas aliñadas coas directivas da UE.

O deputado do BNG avogou por impulsar un pacto de País que permita camiñar cara outro modelo para a xestión dos residuos municipais. “Un cambio de rumbo”, explicou, que pasa por que a Xunta, da man dos concellos, incentive a reciclaxe, a reutilización e a compostaxe, cumprindo as directivas da UE. “Canto menos residuos se queimen en Sogama, menos abrasarán aos concellos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG