parlamento galego

BNG acada un acordo para iniciar os traballos de recuperación da ría de Cedeira

Mon Fernández
Mon Fernández

Mon Fernández Alfonzo pediu no Parlamento restaurar os bancos marisqueiros das praias da Madalena, Vilarrube e da enseada de Pantín

O deputado da comarca de Ferrol, Mon Fernández Alfonzo, reclamoulle ao Goberno do PP medidas orientadas á recuperación da ría de Cedeira, para eliminar os vertidos que provocan os elevados niveis bactereolóxicos nas súas augas. Ademais, pediu restaurar os bancos marisqueiros das praias da Madalena, Vilarrube e da enseada de Pantín.

A proposición non de lei foi aprobada por unanimidade tras un acordo para incluír no texto final un punto no que se pide que “Augas de Galiza, en colaboración cos concellos ribeireños, identifiquen e eliminen os vertidos que provocan os elevados niveis bactereolóxicos”.

Durante a súa intervención na Comisión 8ª, o deputado nacionalista argumentou que a ría de Cedeira “é unha das dúas reservas mariñas de interese pesqueiro que existen no noso País”, e que na actualidade “ten unha clasificación bactereolóxica de zona C”, o que “debería provocar a actuación inmediata e decidida das autoridades competentes” para corrixir esta situación, restaurando os seus recursos pesqueiros e marisqueiros e poñéndoos “á altura do que podería esperarse dunha reserva mariña”.

Pero “nada máis lonxe da realidade”, advertiu, xa que durante estes anos “non só perderon o banco de berberecho da praia da Madalena, senón tamén os bancos de ameixa cadelucha da praia de Vilarrube e de ameixa fina da enseada de Pantín”, quedando a produción marisqueira da ría de Cedeira reducida a un pequeno banco de berberecho na enseada de Esteiro, que por causa de ser zona C debe someterse a reinstalación en batea antes de levarse ao mercado.

Por este motivo, o BNG tamén defendía “a necesidade de ampliar os períodos de funcionamento de dita batea de reinstalación a todo o ano, algo que, aínda que xa se solucionou  para Alfonzo o problema de fondo é segue sendo o bactereolóxico e a clasificación da ría como zona C e a recuperaron os bancos marisqueiros”.

“Este é o nivel de control e coidado que a Xunta do PP pon sobre os nosos recursos marisqueiros, sobre a calidade de augas que antes eran zona A, ou sobre o emprego do sector, que antes ocupaba a máis de 54 persoas e hoxe apenas a 16 mariscadoras a pé”, criticou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG