O BNG pide que a Xunta "plante cara" ao Goberno central contra os recortes en Sanidade

A deputada do BNG, Montse Prado defendeu unha Proposición non de lei instando ao Goberno galego a dirixirse ao Goberno español para manifestar a súa “enérxica oposición” contra o recorte de 150 millóns de euros en Sanidade, incluídos no informe enviado á Unión Europea

Montse Prado

A parlamentaria do BNG, Montse Prado denunciou hoxe, na comisión de Sanidade, o novo recorte de 150 millóns de euros incluídos no informe enviado polo Estado español á Unión europea que se sumarán aos 5.427 millóns xa recortados no conxunto das Comunidades Autónomas.

A parlamentaria instou a Xunta a “exercer o autogoberno” e imporse ao Goberno central contra o recorte de 150 millóns de euros no 2014 na partida da asistencia sanitaria contemplado no informe enviado a Unión europea.

A medida é ideolóxica, non obedece á falta de recursos

Por moito que o queiran disfrazar, dixo, “esta medida terá consecuencias nefastas” para a poboación e denunciou que obedece a un criterio ideolóxico, “non economicista”.

Neste sentido, explicou que os recortes en sanidade non se deben a falta de recursos económicos cando foron inxectados á banca 240.000 millóns de euros, “12.000 por contribuínte” e as autoestradas en quebra lle será aplicada unha quita do 50% deixando o rescate en 2.500 millóns.

A deputada reiterou que a “escusa da crise económica” para seguir recortando en servizos públicos “xa non convence a ninguén”, vostedes, dixo, seguen “chuchando nos de abaixo”, nos colectivos máis vulnerábeis, nos pensionistas e traballador@s que sofren “cruelmente” as consecuencias dos copagos e de exclusión de máis de 400 fármacos do catálogo de prestacións farmacéuticas.

O Partido popular agora, manifestou, volve a mostrar a súa “face máis cruel” cun novo recorte de 150 millóns de euros na sanidade pública polo que volveu reclamar que a Xunta exerza de Goberno galego e “plante cara” a Mariano Rajoy opoñéndose ao recorte.

A Proposición non de lei nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

O BNG pide o reagrupamento de pres@s e que o Sergas asuma a súa atención sanitaria

Por outra parte, o PP tamén impediu que prosperara outra iniciativa defendida pola nacionalista Montse Prado, na mesma comisión, relativa a iniciar actuacións para que o Sergas asuma a atención primaria nos centros penitenciarios así como o cumprimento de condenas en Galiza.

Na súa intervención defendeu que a poboación reclusa conte con atención sanitaria adecuada polo que pediu que sexa cumprida a lei de Cohesión e Calidade para a integración dos servizos sanitarios dependentes de Institucións Penitenciarias nos Sistemas Nacionais de Saúde.

A estas alturas, e despois de 11 anos de entrar en vigor a Lei, sigue sen cumprirse polo que dende o BNG reclamamos que a poboación interna dependa da sanidade pública e non de institucións penitenciarías, “non deben depender das mesmas persoas que se encargan da súa vixilancia”, afirmou.

O goberno español,en resposta a preguntas do BNG no Congreso afirmou que as transferencias serán efectivas cando sexan solicitadas polas Comunidades autónomas despois de ser aprobada a Lei, “nós hoxe demandámolo aquí en beneficio da poboación reclusa” para mellorar a calidade dos reclus@s con VIH, Hepatite, efermidades infecciosas e mentais.

A parlamentaria nacionalista concluíu a súa intervención reclamando o agrupamento de pres@s en centros penitenciarios galegos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG