No BNG somos honestos, pero non gilipollas ante a estratexia de acoso do PP a alcaldes nacionalistas

O BNG mantén o criterio de que todos os imputados pola xustiza por presuntos delitos de corrupción deben dimitir “por hixiene democrática, por respecto á cidadanía e para lanzar unha mensaxe clara de que estamos comprometidos na loita contra a corrupción”, insistiu hoxe a preguntas dos medios o portavoz nacional, Xavier Vence.

Pero non todas as imputacións son por corrupción senón derivadas de denuncias do PP, no marco dunha estratexia de “acoso e derribo” a determinados alcaldes nacionalistas.

“No BNG somos honestos pero non somos absolutamente gilipollas por dicilo con claridade, e sabemos que o PP ten unha estratexia de acoso e derribo con respecto a algún alcalde do BNG levando ao xulgados todas e cada unha das decisións que se adoptan no Concello sen que teña nada que ver coa corrupción”, explicou Vence.

E o caso do Concello de Vimianzo presidido polo nacionalista Manuel Antelo. “Hai unha estratexia do PP para acabar con ese goberno local desde o comezo da lexislatura, presentando unha moción de censura de forma irregular e outras iniciativas que non prosperaron. A imputación do alcalde non ten nada a ver coa corrupción”, argumenta

En Santiago, máis aló da causa que levou a sete concelleiros e concelleiras a dimitir tras sentenza xudicial, o problema era a “situación de conxunto insostible e escandalosa” desde o inicio.

“Non estamos pedindo a dimisión dos alcaldes ou concelleiros do PP porque alguén os leve aos xulgados. Pode haber erros na xestión, decisións mal adoptadas pero iso non necesariamente ten que estar relacionado coa corrupción”, concluíu, tras sinalar que percibe “certo risco” na instrución do caso Pokemon aínda que confía na “profesionalidade” da xuíza e no funcionamento da Xustiza para que todo remate con resultados “esclarecedores e exemplarizantes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG