Parlamento Galego

Ana Pontón anuncia como prioridades do BNG blindar servizos públicos e sociais, emprego e loita contra a violencia machista

AnaPontonRP
Ana Pontón en rolda de prensa
  • O Bloque emprende unha campaña social a favor do concerto económico para que Madrid “deixe de facer caixa con Galiza”
  • “2017 ten que ser o ano no que a loita contra a violencia machista se asuma como un problema de Estado”, demandou

O BNG inicia o curso político coa presentación das súa prioridades de traballo que a portavoz nacional, Ana Pontón, concretou en tres grandes urxencias: blindar os servizos públicos e sociais, a creación de emprego e a loita contra a violencia machista.

Ao lado destes tres obxectivos, a dirixente nacionalista explicou os medios para conseguilos. Un concerto económico galego que se traduza nun novo sistema de financiamento, “no que o Estado deixe de facer caixa con Galiza, porque a diferenza entre o que recada e despois inviste aquí arroxa un déficit de 3.000 millóns de euros anuais”.

O actual modelo fíxonos perder máis de 9.000 millóns de euros, subliñou Pontón, “mentres Feijóo preferiu primar os interese do PP aos intereses de país”.

Por contra, “un concerto económico galego blindaría os recursos para política social e servizos públicos porque evitariamos ser vítimas das arbitrariedades e das chantaxes do Estado, como impoñer subidas no gasto militar ou que cada galega e galego teñan que pagar 50 € para rescatar as radiais madrileñas, mentres seguen os recortes e a estafa das peaxes”, alegou Pontón.

Neste sentido, o Bloque vai iniciar unha campaña social entre axentes e colectivos de todo tipo para explicar a proposta de concerto económico, “claramente beneficiosa para Galiza”.

En relación a creación de emprego como prioridades, a proposta nacionalista pasa por ir a un modelo económico que teña como aposta estratéxica a I+D+i “para fortalecer os sectores básicos" e, ao mesmo tempo, “posicionar Galiza en novos nichos de emprego”. Por iso, o Bloque propón duplicar o investimento en innovación e desenvolvemento en sectores como  biotecnoloxía, robótica  e tecnoloxías de transformación alimentaria.

“Non podemos seguir perdendo trens e Feijóo colócanos no vagón de cola da innovación con cifras moi por debaixo da media estatal”, o que fixo que Galiza perdese 973 empresas con actividades innovadoras desde a súa chegada á Xunta.

Pacto galego contra terrorismo machista

En relación á terceira prioridade política do BNG para o novo curso político, Pontón dixo claro que “2017 ten que ser o ano en que a loita contra o terrorismo de xénero se asuma como un problema de Estado, e todas as forzas políticas, asociacións feministas e axentes sociais poñamos en marcha un Pacto galego contra a violencia machista”.

Como medida de aplicación inmediata, a proposta do Bloque é dar un salto cualitativo en canto a recursos, pasando dos 5 millóns de euros actuais a consignar 95 millóns nos orzamentos deste ano durante a tramitación parlamentaria.

Ademais, o BNG proporá no primeiro pleno medidas concretas como a implantación de xulgados específicos en todas as cidades e mellorar o mecanismo de avaliación de riscos de sufrir violencia de xénero, xa que o actual, en forma de test, non funciona, como demostra que a metade dos casos foron desestimados ao non detectar unha situación de risco.

Igualmente, hai que facer unha avaliación da Lei galega contra a violencia machista tras dez anos da súa aprobación, incluír o termo feminicidio, aprobar o estatuto da vítima e abrir todos os medios e programas de axudas a todas as mulleres que sufran violencia.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG