Ana Miranda propón ao Parlamento Europeo que apoie as propostas do BNG para recuperar o Pazo de Meirás

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez

Participa na  delegación de eurodeputad@s para visitar monumentos da ditadura no Estado español e denunciar a impunidade do franquismo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, anunciou que vai propoñer ao Grupo de traballo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo que asuma as propostas do BNG para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público, así como o resto de propiedades espoliadas ao pobo galego e que, corenta anos despois da desaparición do ditador, seguen en mans dos herdeiros de Franco.

Miranda anunciou esta proposta con motivo da súa participación na delegación de deputad@s a Madrid para denunciar a impunidade de franquismo no Estado español, que inclúe un encontro informativo con colectivos e persoa en defenda da memoria histórica así como unha visita a monumentos franquistas, como o Val de Cuelgamuros, -antes coñecido como Val dos Caídos-, cuxa pervivencia a eurodeputada nacionalista cualificou de “impropia dun Estado de dereito”.

Neste sentido, Miranda fixo referencia á denuncia presentada polo BNG tanto no Parlamento Europeo polo feito de que, a día de hoxe, non se levou a cabo un recoñecemento e unha reparación moral de todas as vítimas, ao contrario, “estamos ante un Goberno do PP que se gaba de non gastar nin un euro no cumprimento da Lei da memoria histórica ignorando as xustas demandas de moitos familiares, que solicitan poder encontrar e sacar aos seus seres queridos das fosas comúns espalladas por toda a xeografía e darlles un enterro digno”, denunciou.

A denuncia do Bloque, salientou a eurodeputada, tamén inclúe a solicitude de ilegalización da Fundación Franco así como retirarlle calquera tipo de función en relación á xestión do Pazo de Meirás, xa que neste momento é a responsable de xestionar as visitas a ese ben de interese cultural, o que aproveita para ensalzar a figura do ditador. “Algo intolerable nunha democracia digna de tal nome”, recalcou.

O BNG súmase tamén desde o Parlamento Europeo a todas as iniciativas de recuperación da memoria histórica e do patrimonio do pobo galego que está a desenvolver a formación nacionalista, tanto na rúa, -con accións simbólicas de protesta e de denuncia-, como nas institucións, -tanto desde a Cámara galega como desde a Deputación da Coruña, que forma parte da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás-.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG