Parlamento Europeo

Ana Miranda defende en Bruxelas a creación dun fondo europeo de vivenda pública

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG salientou na Comisión de Desenvolvemento Rexional a necesidade de limitar os alugueiros turísticos temporais

Tal e como Ana Miranda se comprometera na campaña das pasadas eleccións europeas celebradas en xuño, a eurodeputada do BNG defendeu na Eurocámara a creación dun fondo europeo para crear vivenda pública, co obxectivo de solucionar os graves problemas que existen en Galiza polos elevados prezos de alugueiro e compra. Neste sentido subliñou que a nivel europeo “é necesario defender a vivenda como un dereito, e non como un ben de consumo”.

“Estamos aquí cun obxectivo: loitar por un fondo europeo da vivenda, que forneza recursos ás familias que desexan realizar renovacións con medidas que protexan os inquilinos, e que non leven a desaloxos e a propietarios avarentos”, manifestou Ana Miranda na súa intervención na Comisión de Desenvolvemento Rexional, que contou coa participación da Comisaria Elisa Ferreira.

A eurodeputada galega salientou que é preciso que o fondo da vivenda “limite os alugueiros turísticos temporais”, xa que segundo os últimos datos publicados, na Galiza rexístrase unha nova vivenda de uso turístico cada dúas horas. Ao respecto explicou que o Bloque propón limitar a ubicación, a cantidade e o tempo de servicio para regular a proliferación de vivendas turísticas en Galicia.

Segundo datos do IGE, nos últimos 10 anos os prezos de alugueiro en Galiza aumentaron un 44%, mentres que se ben en 2017 había 500 vivendas de uso turístico en Galiza, neste 2024 xa son máis de 25.000. “Fronte a estes datos temos o desleixo do goberno do PP en Galiza, que non toma ningunha medida para facilitar o acceso á vivenda, e o aumento de xuros por parte do Banco Central Europeo, que agrava a situación das familias”, denuncia Ana Miranda.

Cooperación transfronteiriza

Por outro lado, a eurodeputada do Bloque trasladou á Comisaria de Desenvolvemento Rexional “unha cuestión de vital importancia” que é a cooperación transfronteiriza cidades como Tui, Valença, Tomiño, A Cerveira, Salvaterra, Monção, Verín e Chaves, e a futura constitución da eurocidade entre A Guarda e Caminha. Ao respecto apuntou que estas cidades enfróntanse “a moitos atrancos administrativos por parte dos estados e tamén dos territorios, o que dificulta o bo funcionamento desta cooperación”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG